Sunday 05 de May de 2024

A Orquesta Gaos e a arpista Alba Barreiro, xuntas este martes no Teatro Colón nun concerto en chamamento á conservación da natureza


Ademais, a agrupación dirixida por Fernando Briones interpretará por primeira vez na súa traxectoria a sinfonía nº 4 de Tchaikovsky. O concerto comezará ás 20.30 horas

O Teatro Colón abrirá as súas portas mañá, día 1 de marzo e martes de Entroido, para a realización dun novo concerto da Orquesta Gaos e a arpista galega Alba Barreiro, colaboradora habitual da Real Filharmonía de Galicia e a Orquestra Sinfónica de Galicia. Durante a súa traxectoria, Barreiro tamén compartiu escenario con recoñecidos artistas como Carlos Núñez.

Na sesión, que comezará ás 20.30 horas, haberá tempo para gozar con dúas obras. A primeira, unha obertura para arpa e orquestra do compositor vigués Juan Durán, ‘Pórtico da Illa de Monteagudo’, ideada como un chamamento para a conservación dos contornos naturais. “É unha homenaxe á natureza”, apunta Fernando Briones, director da Orquesta Gaos. Por outra banda, a agrupación que dirixe Briones interpretará, por primeira vez na súa traxectoria, a cuarta sinfonía de Piotr Ilich Tchaikovsky, compositor do período do Romanticismo. “Ten unha carga emocional grande, que fala do peso e a importancia que para Tchaikovsky tiña o destino”, expón Briones.

As entradas para o concerto previsto este martes 1 de marzo no Teatro Colón (20.30 horas), con prezos que van dos 6 aos 15 euros, están á venda a través da páxina web Ataquilla.com e no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos
(IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas). Os pases poderanse adquirir tamén o día da actuación, no despacho de billetes do Teatro Colón, desde dúas horas antes do comezo da función, sempre que haxa entradas dispoñibles.

O cumprimento das pautas e medidas sanitarias contra a Covid-19
Durante a sesión, e en virtude das medidas sanitarias vixentes contra a Covid-19, será obrigatorio que as persoas asistentes usen máscara. Ademais, e en todo momento, tanto na agarda, acceso e estancia dentro do recinto, as usuarias e usuarios deberán seguir as instrucións do persoal.

Por outra banda, non poderán acceder ao evento aquelas persoas con síntomas compatibles coa Covid-19, aquelas diagnosticadas coa enfermidade e as que non finalizasen o período de illamento, así como as personas que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa afectada por síntomas ou diagnosticada da Covid-19.